Wednesday 15 de May de 2024

O Pico Sacro acolle este domingo 28 de xullo unha tarde cultural con literatura e música


 

Emily Rodríguez Santos presentará o seu libro ‘Calas Blancas’ e estará acompañada por José Manuel López

O Pico Sacro acollerá este domingo 28 de xullo unha tarde cultural chea de literatura e, sobre todo, moita música. As actividades, que comezarán a partires das 19.00 horas, están abertas ao público e a entrada é de balde.

Así, a primeira das citas desenvolverase na Capela de San Sebastián coa presentación do libro Calas Blancas, de Emily Rodríguez Santos. A autora da novela estará acompañada por José Manuel López, Josele, que tamén intervirá nesta presentación e que ofrecerá unha breve actuación.

Calas Blancas relata a vida dunha moza chamada Sofía, que esperta dolorida nun misterioso lugar sen saber exactamente como chegou alí… Trátase dun monasterio, localizado nunha magnífica paraxe, e no que, como ela, tamén se aloxan outras persoas, coas que comeza a estreitar lazos de amizade. Sen embargo, non poderá romper a única norma deste lugar: Non pode ter contacto co mundo exterior e nin sequera coa súa propia familia. Un misterio que Sofía deberá resolver.

Peche dos Camiños Sonoros

Xa ás 20.00 horas, pecharase o programa Camiños Sonoros impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo. Esta iniciativa ten como principal obxectivo poñer en valor os novos talentos da música da comunidade autónoma a través de distintos concertos que se desenvolven en diferentes enclaves das Rutas Xacobeas.

O broche de ouro a esta iniciativa terá lugar no Pico Sacro. Nesta ocasión, o percorrido musical pola Vía da Prata concluirá coa actuación de dous mozos e unha moza. Martiño Malleiro Díaz deleitará ao público coa súa destreza co acordeón, mentres que Fernando Estévez Rodríguez fará o propio co clarinete-percusión. Pechará este trío de prodixios Nadia Vázquez Martínez, coa gaita.

Dende o Concello de Boqueixón animan a veciñanza e visitantes a asistiren a esta completa tarde cultural. Ao tempo que poderán descubrir distinto tipo de manifestacións artísticas, tamén poderán gozar dun enclave natural, patrimonial e histórico tan singular como o Pico Sacro.